headerphoto

Modificación de la Lei de Función Pública de Galicia se Aplicará en la OPE del Sergas del Sábado

-As novidades consisten en garantir a liberdade de elección de lingua no segundo exercicio da fase de selección e en permitir que os aspirantes que acrediten posuír o Celga 4 -ou equivalente debidamente homologado- queden exentos da realización do exercicio de coñecemento do galego
-En xullo publicarase no DOG unha resolución pola que se abrirá o prazo para que os aspirantes exentos da realización deste exercicio acheguen a documentación correspondente
-Recoméndase aos aspirantes que teñan algunha dúbida sobre a validez dos cursos dos que dispoñan que realicen o exercicio de coñecemento do galego

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2009.- Na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG) publícase a Lei 2/2009, do 23 de xuño, de modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que entrará en vigor mañá.

Como consecuencia, o Servizo Galego de Saúde debe proceder á modificación das diversas resolucións da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 11 de decembro de 2008, polas que se convocou concurso-oposición para a categoría de facultativo especialista de área de diversas especialidades, médico de urxencias hospitalarias, médico de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria, farmacéutico de atención primaria, odontólogo de atención primaria e médico coordinador do 061, co fin de adecualas ao contido da devandita disposición.

As modificacións consisten basicamente en garantir a liberdade de elección de lingua galega e de lingua castelá en relación co segundo exercicio da fase de selección -que, polo tanto, non será exclusivamente en lingua galega- e en garantir que os aspirantes que acrediten posuír o certificado Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego ou validación correspondente) queden exentos da realización do terceiro exercicio, de coñecemento da lingua galega.

Realización do terceiro exercicio
Así, os aspirantes que estean en posesión do Celga 4 ou equivalente poderán abandonar o recinto onde se realizarán os exercicios ao finalizar o segundo exercicio. Nel deberán permanecer exclusivamente os aspirantes que teñan que realizar o terceiro exercicio (de coñecemento da lingua galega), que será realizado unha vez rematado o anterior.

Dende a Consellería de Sanidade quérese destacar que o exercicio de coñecemento da lingua galega é obrigatorio para os aspirantes que non teñan os devanditos certificados, polo que se recomenda que aqueles aspirantes que teñan algunha dúbida sobre a validez dos cursos dos que poidan dispoñer permanezan no recinto ao finalizar o segundo exercicio e procedan á realización do terceiro.

Nos primeiros días do mes de xullo publicarase no DOG unha resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se abrirá un prazo para que os aspirantes que estean exentos da realización do exercicio de coñecemento da lingua galega acheguen a documentación que acredite que están en posesión dos cursos correspondentes.

Un total de 3.773 aspirantes están inscritos para participar nos exames da categoría de persoal facultativo que se celebrarán o próximo sábado, día 27, en Silleda e optar a unha das 1.002 prazas da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde. As probas realizaranse no Recinto Feiral de Silleda a partir das 9.30 h.

No hay comentarios:

Publicar un comentario